martes, 17 de mayo de 2016

Día das Letras 2016: Manuel María, o compromiso

Resultado de imagen de manuel maria biografia en galegoEste 17 de maio está adicado a un poeta moi querido: MANUEL MARÍA.
Manuel María Fernández Teixeiro naceu en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929. En 1942 trasladouse a Lugo para estudiar o bacharelato e aquí comezou a súa precoz carreira literaria participando, á idade de 20 anos, no ciclo de conferencias "Jóvenes valores lucenses". Esta primeira conferencia serviulle para entrar en contacto cos integrantes da tertulia do café Méndez Nüñez (Pimentel, Fole, Rof Codina...) que o poñerán en contacto coa realidade galega, tanto interior como do exilio. Nesta primeira etapa da súa vida, publica o primeiro poemario dun poeta da nova xeración,Muiñeiro de brétemas (1950), co que se inaugura a denominada "Escola da Tebra". En 1958 instálase en Monforte como Procurador dos Tribunais e ao ano seguinte casa con Saleta Goi. Nos axitados anos sesenta e setenta, Manuel María participa na reorganización política, na clandestinidade, dos partidos nacionalistas, e atende os chamamentos e peticións que lle chegan de todas as organizacións que, ao longo e ancho do país, andan a traballar pola recuperación cultural: desde impartir conferencias ou recitar poemas a presentar á Nova Canción Galega. A súa obra literaria diversifícase e multiplícase de acordo cos novos tempos: ensaio, narrativa, teatro... sen abandonar o cultivo da poesía. Do existencialismo e o seu pesimismo radical evolúe cara á unha poesía que rompe, tanto no formal como na temática, con esta liña subxectiva para se comprometer co ser humano, coa súa xente, coa súa realidade social, en definitiva, co seu pobo. 
A súas actividades políticas culminaron coa súa elección como concelleiro en 1979. Son anos duros, e a súa participación nas campañas en defensa da lingua foi moi activa. En 1985 abandonou a militancia política para se dedicar por completo á actividade literaria e cultural e, desde a súa xubilación, reside na cidade da Coruña. A súa xenerosa entrega foi recoñecida en 1995, na Homenaxe organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega na Coruña.
Non é doado resumir en poucas liñas a obra deste insigne poeta, referencia imprescindíbel no panorama literario da segunda metade do século XX, pola amplitude dos seus rexistros, das súas propostas e da súa temática: intimismo, paisaxismo, socialrealismo crítico ou satírico, preocupación relixiosa, reivindicación lingüística... e, como fío conductor de todo este mundo poético, a construción da patria.
Manuel María faleceu na Coruña o 8 de Setembro de 2004
O IES de San Paio realizou un interesante traballo sobre a línea do tempo de Manuel María:
http://www.edu.xunta.es/centros/iessanpaio/node/1379



No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada