O martes 15 de novembro celebramos o club do primeiro trimestre do curso ca novela gráfica “Crónicas de Jerusalén” do debuxante canadense Guy Delisle, actualmente afincado en Francia.
O primeiro que fixemos foi visualizar un vídeo do autor onde fala do seu libro.A continuación aparece o enlace para escoitalo.https://www.rtve.es/play/videos/atencion-obras/guy-delisle-viajero-ilustrado/1777107/
Guy Delisle pasou un ano en Xerusalén acompañando á súa parella, membro de Médicos Sen Fronteiras.
Neste libro ofrécenos a súa persoal visión dun dos conflitos máis enquistados da actualidade e móstranos o seu lado familiar, ao ter que facerse cargo do coidado dos seus fillos mentres a súa muller está fóra. Ao longo da novela vai relatando numerosas peculiaridades, extravagancias e absurdos propios de Xerusalén que o autor vai descubrindo nos seus recorridos pola cidade: as restricións á liberdade de desprazamento, os cacheos e interrogatorios sistemáticos, as diferentes festas das relixións, os enfrontamentos entre as diversas comunidades cristiás que xestionan o Santo Sepulcro... Todo iso contado cun estilo sobrio e un agudo sentido do humor.
Premio ao mellor álbum no Salón Internacional do Cómic de Angoulême 2012
A principal conclusión de todas nós á que chegamos con este cómic de non-ficción é que supuxo unha importante fonte de información para a compresión deste conflito bélico, sen trazas de solución, onde o pobo palestino ve como o seu territorio queda cada vez máis reducido. Aprendemos tamén das tradicións e costumes das tres relixións existentes, onde observamos que o autor non toma partido por ningún dos colectivos .
De novo este libro deunos moito para falar e podemos dicir que este libro gustounos moito.
No hay comentarios:
Publicar un comentario