jueves, 21 de mayo de 2026

Club de lectura " As Gratitudes"

 O día 19 celebrouse o último club de adultos deste curso  e con el remata a miña andaina, despois de dez anos ao cargo como coordinadora. Naceu no terceiro trimestre de 2016 co obxectivo de ter un lugar de encontro para compartir lecturas.

Desde entón, foi un espazo máxico onde cada encontro  nos permitiu  explorar mundos novos, debater, reflexionar e construír unha comunidade unida polo amor á lectura.

Con cada novo libro lido as conversacións transformábanse e con cada novo encontro os vínculos entre os que asistíamos íanse facendo máis fortes. Sentinme privilexiada de poder levar todos estes anos este espazo neste centro.

Elixín para terminar o club de lectura a lectura das "Gratitudes" Delphine de Vigan porque me parecía un xeito fermoso e significativo de agradecer a todas as persoas lectoras que me acompañaron durante estes anos.

É un libro delicado, íntimo e profundamente humano, que invita a reflexionar sobre a memoria, os vínculos e a importancia de dicir “grazas” a tempo. Con esta elección quería pechar o ciclo poñendo no centro algo que atravesou cada encontro do club: a compañía, a escoita e o intercambio compartido ao redor dos libros.

A novela lémbranos que ninguén constrúe un camiño só e que, moitas veces, as palabras e os feitos máis importantes son os máis simples. Quería reflexionar sobre a gratitude como forma de recoñecer os vínculos construídos ao longo deste tempo e valorar a comunidade lectora que se foi formando.

Para rematar expresar a miña gratitude ás persoas lectoras que compartiron nalgún momento esta biblioteca durante estes anos.

Boas lecturas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario