As bibliotecas escolares de Galicia publican o lema e o cartel de cara a este curso 2021/2022. O lema elixido, A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA, quere poñer o foco na palabra e a oralidade.
A imaxe que interpreta este lema proposto para o curso 2021-2022 é obra do ilustrador, escritor, deseñador e artista visual Pablo Otero, que leva xa un tempo colaborando coas bibliotecas escolares en formacións e obradoiros.
Os textos escritos e as producións audiovisuais que ofrece a biblioteca en obras de ficción ou de información axudan o alumnado a medrar donos da linguaxe, a ferramenta que lles abre camiños de pensamento, imaxinación, beleza e coñecemento. Mais tamén, as bibliotecas escolares son espazos sociais de encontro que promoven e facilitan o uso da palabra a través do diálogo, a reflexión, o debate, a exposición, os recitais, a lectura en voz alta, os clubs de lectura… Estas propostas son oportunidade para que o alumnado "tome a palabra" e avance no dominio da linguaxe e da lingua que lle é propia.
A Biblioteca Escolar ten a palabra é tamén unha proposta para a recuperación da tradición oral como unha forma de achegar o alumnado ás raíces da cultura na que medra, facilitándolle así as claves para acceder ao rico patrimonio inmaterial galego que ten dereito a coñecer, gozar e darlle continuidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario